Pregón das festas 2014

Iltmo. Sr. Alcalde da Cidade de Mondoñedo

Señores Concellais da Corporación Municipal

 Din as crónicas reais quepregon assanlucas 2014 un día de novembro do ano 1156, polo tanto en plena metade do século XII, o rei Afonso VII, indo de camiño para ás Asturias, tivo que facer noite en “Mendoñedo”. Cando se ergueu pola mañá, admirado por tanta beleza (un pequeno grupo de casas de madeira, unhas rúas empedradas que dan voltas e reviravoltas ate chegar a unha praza con igrexa e soportais, e todo iso rodeado de prados, ríos, fontes, néboas e silencio), decide a golpe de decreto, que ese pobo tan semellante a un paraíso non podía quedar no esquecemento.

O mundo –segundo Afonso VII- tiña que saber que nos confíns do extremo noroeste da Galiçia lucense había un alfoz no que o tempo se detivera naquel sétimo día da creación, e que os seus únicos habitantes eran a soidade, os soños e as melancolías dos homes.

Reúne á súa corte e manda aos secretarios e escribáns redactar un Foro “según usos y costumbres de la ciudad de León”, de onde el era Rei, por iso se lle chama Fuero de León.

Sen embargo, a crónica secreta, que se escrebe a par da outra, pero que non está recollida por ningún cronista real senón polo roxe-roxe da rúa e que se transmite de xeración en xeración, di que Afonso VII namorou dunha mindoniense e para recompensar aquelas horas carnais e de xúbilo corporal, quixo que o nome de Mondoñedo fose lembrado para sempre. Temos razóns –non só da propia vida de Afonso VII senón de feitos posteriores doutros reis que o sucederon no trono- que nos fan pensar que o Fuero de León outorgouno por esta veleidade amorosa.

A primeira razón é que a cincha, que levaba o seu cabalo, tiña gravado, ademais do escudo real, unha escrita que dicía: “levo na espada un reino e nos estribos, unha loita”, ao que lle engadiu despois da visita a Mondoñedo: “e na alma, o soño dunha noite de amor”. Todos sabían na Corte que “ese soño de amor” fora nunha noite mindoniense. A segunda razón, é cando morre dunhas estrañas febres e entre delirios e estertores, a última palabra que pronunciou foi Mondoñedo. Como din os teólogos mindonienses, entre eles o tan lembrado D. Gumersindo Cuadrado no seu libro de “Ente et esencia”: “o corpo é mais carne que espírito”. Nese momento tan íntimo no que entregaba a súa alma a Deus, non se lembrou nin dos anxos, nin dos arcanxos nin do misterio da Trindade, senón daquela noite tola de amor en Mondoñedo.¡Deus o teña na súa gloria, con esa noite mindoniense!

Como non é de estrañar, esta historia foi a comidiña de Palacio por moito tempo, e algo hai de “estraño e especial” cara Mondoñedo no comportamento dos Reis que o sucederon. Dame a impresión que quixeron seguir agasallando tanto ao seu parente Afonso VII por aquela querenza que o Rei lle profesara a Mondoñedo até o punto de morrer con esta palabra na boca como a propia cidade, que el mesmo fundara. E cito a D. Enrique Cal Pardo:

“Esta gigantesca obra (se refiere a la construcción de la catedral), realizada, por otra parte, en tan poco tiempo, no pudo ser realizada exclusivamente a expensas del obispo D. Martín, a cuyo ímpetu y esfuerzo, a no dudarlo, se debe en gran medida. Pero intervinieron las aportaciones de los fieles, ansiosos de poder lucrar las indulgencias concedidas por el papa al respecto. Pero una intervención muy importante habrá sido, sin duda, la de los monarcas de León Alfonso IX (1188-1230) y Fernando III el Santo (1230-1252). Casi con certeza se puede afirmar que Alfonso IX visitó las incipientes obras de la Catedral el año 1220 cuando viajó a Bacoy (Alfoz), en donde otorgó un importante documento” (La Catedral de Mondoñedo, pág. 9).

Non quero ser esaxerado nin mal pensado, pero tanta axuda real e tan seguida indica que os monarcas leoneses tiñan con Mondoñedo algo máis que lazos institucionais, probablemente porque na Corte escoitaron falar moito da nosa cidade, debido a aquela historia de amor do seu tataravó Afonso VII. Querían honrar a súa figura e non viron mellor maneira que axudar economicamente á construción da catedral.

E digo máis. O gran rei Afonso X, o Sabio, fillo de Fernando III o Santo, que o sucede no reinado, polo tanto parente de Afonso VII, cando escrebe a Primeira Crónica Xeral de España cita a “Mendonnedo” e faino dunha maneira un tanto rocambolesca. Leo o texto e comento:

E des que los gallegos fueron uencudos alcaron se en un monte que auie nombre Medulio & parece del el rio Minno. E tenemos que dizen las estorias Medulio por el monte que esta acerca de Mendonnedo onde a la cibdat este nombre (pcg 1 fol. 65v)

Pon a Mondoñedo cerca do monte Medulio (que puido ser), pero non está cerca do Miño. O despiste xeográfico é evidente. Da a impresión que quería meter a Mondoñedo na súa Crónica Xeral como fose, polas razóns que vimos comentando: que en Palacio tiña moita sona dende os amoríos de Afonso VII, e non ve mellor ocasión que esta. Fora desta desorientación xeográfica, parécenos unha cita moi interesante porque xa no século XIII, Mondoñedo citábase coma Cidade.

Fora, porque quedou marabillado pola beleza destes paraxes ou fora, pola loucura dunha noite de amor, o feito histórico é que Afonso VII promulga o Fuero de León para Mondoñedo e nel contéñense dous privilexios importantes:

por unha banda, fai doazón á Igrexa mindoniense dunha serie de coutos vellos e novos (non ven ó caso citalos) e remata “y quiero también que, donde está la Sede (que era en Vilamaior), sea instituida Civitas bajo mi protección”.

Quedaba pois a igrexa mindoniense dona de tódolos coutos, terras, homes e herdades desde Xubia até Britonia con Cidade en Vilamaior. A partir deste século XII, o nome de “Mendonnedo” ou “Mindonnedo” pasa aos mapas de Hispania ao mesmo nivel que cidades como León, Oviedo ou Toledo, de aí que apareza o noso topónimo nos mapas máis antigos coñecidos. Debémoslle pois a Afonso VII a inmortalidade xeográfica desde esta época tan antiga.

Todos estes reis medievais, aparte de grandes guerreiros (nacían e morrían loitando), eran grandes estrategos e estadistas. E supoño que pensaría que unha vila non se mantén por si so polo mero feito de ser nomeado cidade. Necesitaba un sostén económico. Por iso outorga un 2º privilexio que di: “Haya mercado común en todas las Kalendas del año; ocho días de feria, en la fiesta de santa María de agosto”. Estes “oito días de feira polas festas de Stª María de agosto”, sabemos que son as San Lucas, pois estas festas de agosto posteriormente serían trasladadas ao mes de outubro, como consecuencia da Consagración da catedral o día 18 de outubro do 1248, festividade deste evanxelista.

Polo que pon o Fuero de León parece que Afonso VII puxo moito empeño en que se celebrasen estas feiras, pois o propio Fuero dínos que non so “conmina con su enemistad al que se permita impedir el mercado o la feria” senón tamén que “o condena a pagar quinientos sueldos al Sr. Obispo y a la Iglesia”. Velaquí a visión de futuro do monarca. Non se sabe se por medo á inmizarse co Rei ou a ter que pagar eses 500 soldos á Igrexa, estas feiras chegaron até hoxe e co mesmo espírito que entón tiveron. Eran e son feiras que xiran en torno ao gado, os produtos do campo e do consumo familiar. Cando eu era pequeno, aínda os postos de venta se distribuían por gremios de tal maneira que se tú querías mercar algunha cousa en concreto, sabías a onde tiñas que ir. Así, diante do seminario poñíanse os cesteiros, alfareiros e artesáns da madeira con zocas e pezas para a cociña. Na fonte vella estaba o mercado da herba. Diante a catedral todo tipo de produtos do campo: millo, maínzo, patacas, legumes, mel, noces, queixos, castañas… No Cristo dos Remedios e en parte da rúa de Leiras Pulpeiro, poñíanse os Ferreiros de Riotorto. En torno ao Instituto e cara os Remedios, os zapateiros con zapatóns, zocos, zapatos, etc. Produtos do téxtil con zamarras, pantalóns, camisas…, e os postos das mantas de Palencia e do Val de San Lorenzo. Na Alameda as atraccións de feira para divertimento da xente e nenos; o cego de Vilamor, que sempre empezaba o cantar: “En la provincia de Lugo, tuvo lugar este hecho que me causó estupor”; os churreiros ca súa cantilena: “churros quentes pras mulleres que non teñen dentes”. Enfronte da igrexa dos Remedios as xaulas cos paxariños, que sacaban delas a buenaventura. Mel da Alcarria, pan, pulpeiros. E no Campo dos Paxariños a feira do gado cabalar e produtos de coiro relacionados cos cabalos, os alabardeiros. Para nós, era o centro das feiras. Tódolos pícaros de Mondoñedo gostábamos de ir ver os cabalos e os tratos de merca e venda que facían os feirantes.

Eu, que vivín na rúa de Leiras Pulpeiro, enfronte a fonte de Xan Xoán, que tiña un pilón pola parte de atrás onde bebían os animais, escoitaba toda a noite o trote e o relincho dos cabalos que viñan da terra de Miranda polo “calexón do río de Sixto” e pasaban cara o Campo dos Paxariños. Moitos deles facían unha parada para beber no pilón da fonte e no silencio da noite escoitábase como “rezumaban” ao sorber da auga. Aínda entón polos anos cincuenta na miña rúa había dúas casas que alugaban as cuadras para que descansasen os cabalos.

Recordo tamén de neno que a miña referencia dos cabalos era o cabalo dun veciño, que chamaba a atención. Era un percherón francés, de boa presenza e ancas anchas, alto, groso, rubio e sempre desgreñado. Ouvíanse as súas pisadas nas rúas coma as campás da catedral. Eu imaxinaba que o cabalo de Atila, “rey de los Unos”, era como este cabalo por aquilo que dicían os libros de Historia que “onde pisaba, non medraba a herba”. O caso é que eu de neno sempre que ouvía falar do amo… e que sempre, sempre… escoitaba a mesma frase: “é máis animal co cabalo”. Entón tiña catro ou cinco anos e non entendía ben o alcance desa expresión, porque este home tamén era alto e forte, con anchas costelas e unhas mans que parecían palas de escavadoras. Eu pensaba que se referían a iso. Pero non. Anos máis tarde, tivo que ir á consulta do médico porque se lle cravara unha estela nun dedo. E médico díxolle que o puxera nunha pota con auga a baño maría, durante uns minutos. Chegou á casa, puxo a pota, meteu o dedo nela e deixou ferver a auga uns minutos, como el cría que lle mandara o médico. Cando o sacou da pota, tirou pola estela, que saíu sen problema, pero viu como tiña o dedo branco, mirrado e cocido. O meu veciño cocera o dedo.

Voltou xunto ao médico e díxolle o que lle pasara: metín o dedo a baño maría e pasóuseme o tempo e cocino. E o médico contestoulle: pois agora bótalle un pouco de sal, aceite e vinagre e cómeo con ensalada.

Voltou para casa, botoulle unhos graniños de sal, un pouco de aceite de oliva virxe e vinagre de mazá, que lle dera o chantre da catedral como algo esquisito. Envolveuno nunhas follas de leituga da súa horta e p´ra dentro.

Despois chufábase cos amigos dicindo que el sempre obedecía ás prescricións médicas; que fixera o que lle mandara o médico, iso si, que como a carne era de primeira, o aceite, o vinagre e a leituga tamén eran de marca. Dende ese día entendín a frase tan descriptiva.

O cabalo segue sendo o centro destas feiras e o realmente sorprendente e que pese a este mundo globalizado e os avances tecnolóxicos, As San Lucas manteñen aquel espírito medieval de reunir produtos do campo e artesanais para o consumo doméstico das nosas xentes. Ademais –coma moi ben veu Afonso VII- seguen tirando da economía mindoniense e da zona mariñá luguesa. Son estas feiras as máis antigas deste Reino, e por iso os mindonienses non esquencemos nunca ao noso protector Afonso VII, a quen lle temos dedicado unha rúa da cidade.

Pero As san Lucas dende fai dous anos que se achou o testamento de Pardo de Cela están e estarán indubidablemente vinculadas a este rebelde señor feudal. O testamento forma parte dun proceso xudicial que unha neta do mariscal (María Mayor de Vaamonde –filla de Beatriz-) emprende contra á Igrexa mindoniense porque tras o axustizamento colléranlle unha serie de bens que lles pertencían. Como dicía Lence Santar agora hai “documento” e polo tanto Historia. O testamento está datado o 1 de outubro e ten unha addenda ou añadido, que se lle chama “codicilio” que está datado o 3. E Segundo unha testemuña é degolado despois de facer o codicilo, polo tanto ese mesmo día 3. Tanto o testamento coma o codicilio fanse nunha habitación da casa do coengo-provisor, Fernán Balea, onde estuvo preso ate co axusticiaron. O notario que deu fe de ambos documentos foi Diego Pérez, notario do “sennor obispo” e dos 14 “testigos” que asinan o testamento 9 son cónegos da catedral ou vinculados a ela. Non hai naide da familia. Todo se coceu na habitación da casa do coengo Fernán Balea. Que cada quen faga a reflexión que cree oportuna

Polo testamento sabemos por fin quen era Afonso Yáñez, que cítase como capelán do bispo mindoniense. O dono da casa onde foi apresado o Mariscal en castrodouro. Todo apunta pois que foi a Igrexa mindoniense a que o apresa, fánlle firmar un testamento (moitas das posesións que levaba o mariscal era da Igrexa) e co beneplácito dos Reis Católicos lle cortan a cabeza. Por certo, o “degolamento” tivo un efecto “boomerang”: non so se aniquila Pardo de Cela, seu fillo, etc., senón que despois en Galiza naide moveu un dedo. Co sangue de Pardo de Cela rematou a “doma e castración” de Galiza. ¿A quén lle estraña agora que non haxa un so documento destes derradeiros momentos do Mariscal no arquivo da catedral? Se os houbo, fixéronos desaparecer.

Penso que a execución tan rápida (3, 4 días en mans dos coengos) pode ter algo que ver coas San Lucas. É moi probable que aproveitando a aglomeración das Feiras os propios cónegos tiveran medo que os seus, trataran de liberalo. E non é unha mera sospeita miña; apúntase na Relazón da carta xecutoria: Matarono tan presto ó Mariscal co seo filio, sen justificaçon de causa, nen saber porque, temendose como era tan poderouso, é emparentado no Reino, e fora dél, que o viessen quitar por armas, particular [mente] Pero de Bolaño, Señor da Casa de Torés, é Pero de Miranda, Señor da Casa, é Fortaleza que chaman o Renegado, que eran os TRES PEDROS, que eran seos primos, toudos tres Pedros que decian de Galicia”. Sábese tamén por este proceso xudicial que aínda dispoñía de 500 lanzas, e parte delas son as que un mes máis tarde da súa morte, conxuntamente coa súa filla Constanza e o seu marido Fernán Ares de Saavedra toman a Fortaleza de Vilaxoán, en Cal da Loba.

E por suposto, está enterrado na catedral de Mondoñedo. Pono o testamento “et mando que sea sepultado en la yglesia del lugar donde yo falesçiere”. Por certo, a sepultura custou “tres mill maravedis”, pois pon máis abaixo: “Et mando a la yglesia donde primeramente fuere sepultado tres mill maravedis”. Non deron puntada sen fío.

¿Pódese pedir máis a estes tres últimos anos da vida de Pardo de Cela? Un señor feudal, que era temible e temido “que de Lugo a Ribadeo toudos me tiñan temor”. Pero a loita na Frouseira; a traizón; o apresamento en Castro Douro na casa de Afonso Yáñez, capelán do bispo; o cárcere no casa de Fernán Valea, provisor do bispado e o degolamento diante a catedral coa benzón eclesiástica, convertírono en mito. Un pobo non converte en mito a calquera; isto está reservado para os eleitos, so para aqueles que están feitos doutra madeira. Por iso, axiña pasa á tradición popular e é cantado en feiras e romarías; case é seguro que ese “Canto ou Lamento pola Frouseira” cantouse nas San Lucas do 1484.

Para este mito, fago miña a petición do doutor D. Francisco Mayán, (que foi cronista da Cidade e pregoeiro destas feiras), que fixo nun documental na televisión, emitido pola TVGa e pola segundo canal da TVE

Pido: A todas as forzas políticas sen excepción (con e sen representación municipal) así como a todos os mindonienses

Que se lle faga unha estatua na praza onde foi cruelmente axustizado. Quéirase ou non se queira, forma parte da historia máis negra de Mondoñedo e da historia máis sanguenta de Galiza.

Quixera terminar felicitando a raíña e ás damas de honor destas feiras das San Lucas, as sanluqueiras e sanluqueiros novos, porque vosoutras sodes as flores máis recendentes de todo o val.

¡A disfrutar todos das San Lucas, as feiras máis antigas de Galiza! Grazas.