A Feira das San Lucas de Mondoñedo celebra a súa 860 edición cun programa que combina tradición con novas incorporacións
Santiago, 8 outubro 2016. O presidente da Asociación Cultural As San Lucas de Mondoñedo, Miguel Souto, e a alcaldesa mindoniense, Elena Candia, presentaron esta mañá o programa das Feiras das San Lucas para este ano 2016, acompañados por outros membros do ente organizador do evento e polo concelleiro de Xuventude, Alberto García. As San Lucas, que se celebran anualmente na localidade lucense de Mondoñedo, terán lugar este ano dende o venres 15 ao sábado 23 de outubro, de xeito que recuperan os oito días de celebración tradicionais.
A presentación da que ostenta o cargo de ser a festa máis antiga de Galicia e unha das que conta con máis tradición en toda Europa, celebrouse na Aula Gastrocultural da Praza de Abastos de Santiago de Compostela. O presidente da asociación manifestou a súa ilusión pola presentación destas festas na capital de Galicia e por que sexa no Mercado de Abastos “un lugar emblemático e moi vinculado coas San Lucas, xa que estas feiras nacen con esta finalidade, coa de mercadear, trocar, vender..; e que co tempo se converteron en cultura e tradición”.
As San Lucas, unha festa con máis de tres cuartos de século
“Contar en poucas palabras que son as Feiras das San Lucas non é tarefa sinxela. Só quero apuntar como dato histórico que naceron en 1156 cando se lle concedeu a Mondoñedo o título de cidade; e este nomeamento leva consigo o privilexio de celebrar unha feira de oito días que desde entón se fai de xeito ininterrompido”, destacou Souto.
O presidente da Asociación engadiu que “dende aquela a tradición segue pervivindo no século XXI. As San Lucas celébranse porque todos os visitantes, xunto co pobo e a cidade de Mondoñedo segue sendo fiel á súa tradición, e todos teñen gravado na súa memoria que esta é unha feira con maiúsculas”.
Pola súa banda, a alcaldesa mindonienste, sinalou tamén que, “este ano combinamos o carácter máis tradicional da feira con novas incorporacións, convertendo a As San Lucas nunha das festas que atraen a todos os públicos”. E engadiu que “é un feito obxectivo que celebramos As San Lucas porque todos os visitantes e feirantes, xunto aos mindonienses, seguimos sendo fieis ás nosas tradicións e así o transmitimos de xeración en xeración”.
Candia recordou unhas verbas do propio escritor mindoniense, Álvaro Cunqueiro, quen decía que: “quizais non haxa en Europa horas mais antigas que as que se poidan pasar en Mondoñedo nas San Lucas”. “Invitámosvos a participar delas e coñecer a nosa historia, que forma parte da vosa”. Así, invitou a todos os asistentes a participar da programación deste que como é tradición ten ao gando cabalar como o seu máximo epicentro. “Mondoñedo está de moda y durante As San Lucas es un buen momento de conocer nuestra ciudad”.
Ambos destacaron o feito de preservar, ano tras ano, o seu aspecto máis tradicional, unha tradición que se mantén viva no tempo e que ten no gando cabalar o seu gran protagonista .Pretendemos que un ano máis, o 18 de outubro Mondoñedo volva a ser a capital que foi no antigo Reino de Galiza, e queremos que as galegas e galegos, se sintan orgullosos de ter unha das feiras mais antigas de Europa, que as desfruten e as sintan súas. Porque son un dos principais patrimonios inmateriais do noso país.