Presentacions
Presentación da Asociación
Dende a Asociación As San Lucas de Mondoñedo, en colaboración co Concello e coa implicación doutras administracións galegas como a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo:Área de Benestar Social e Deporte, Área de Cultura e Turismo; e como a Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia, así como dos veciños, organizamos as Feiras das San Lucas (no mes de outubro) e as das Quendas (no mes de maio).
En especial, anualmente asumimos a responsabilidade de organizar a que é a festa máis antiga de Galicia e unha das que conta con máis tradición de toda Europa. As San Lucas naceron en 1156 cando se lle concedeu a Mondoñedo o título de cidade. Este nomeamento leva consigo o privilexio de celebrar unha feira, cuxa tradición segue manténdose viva no século XXI, e que ten no gando cabalar o seu máximo epicentro.
O escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro describiu a imaxe máis representativa das San Lucas baixo a cita: “A egua nai montada por un xinete, detrás os poldros fillos do vento coas greas o ar”. É o momento no que os animais que pacen todo ano no monte, baixan á feira a través das empedradas rúas da cidade de Mondoñedo. Os animais, ano tras ano, cada 17 de outubro, patean sobre as lonxevas pedras da localidade, e algúns dos equinos de seguro pisan as mesmas lousas cos primeiros cabalos en 1.156. Todo isto, para o día 18 mercadear, trocar, vender na Gran Feira Cabalar.
As San Lucas déixannos a imaxe dun espectáculo etnográfico de relevancia, que cada mes de outubro atrae a máis turistas. A través desta web, queremos trasladar a importancia desta festa que une a beleza da cultura e tradición. Porque As San Lucas son feira, festa, arte, cultura e son tradición. Queremos que www.assanlucas.es sexa unha ferramenta que permita achegar este encontro fóra da provincia, a todo o mundo, que permita que As San Lucas continúen a ser un referente, a feira mais esperada.
O que pretende a comisión de feiras e festas que presido é que Mondoñedo o 18 de outubro volva a ser a capital que foi no Antigo Reino de Galicia, e queremos que tódolos galegos e galegas se sintan orgullosos de ter unha das feiras mais antigas de Europa, e as sintan súas.
E, este medio, non só é unha ferramenta que incentiva a promoción das San Lucas; tamén nos posibilita dar a coñecer o noso traballo, as nosas propostas e que esta web se converta nun medio de interrelación no que nos deixedes as vosas suxestións. O obxectivo é crear un programa atractivo e que mellore anualmente.
Convidámosvos a que entredes, a que vos mergulledes nesta páxina e a que visitedes a nosa localidade. Mondoñedo aúna historia, que se reflexa nas San Lucas e, como non, tamén nas Quendas.
Miguel Souto Cabana
Presidente da Asociación As San Lucas de Mondoñedo