Preserntación de As San Lucas 2015
Lugo, 03 de outubro de 2015.- A presidenta da Deputación, Elena Candia, xunto ao presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Souto, presentaron esta mañá no Pazo Provincial de San Marcos as Feiras e Festas das San Lucas 2015, as máis antigas de Galicia, e que se celebrarán en Mondoñedo entre os días 16 e 20 de outubro.
A presidenta da institución, colaboradora das festas, resaltou a importancia destas feiras que se celebran ininterrompidamente dende 1156 e que, polo tanto, deben ter presenza en todas as institucións galegas. “É importante presentalas na capital da provincia, ao igual que faremos noutras localidades, porque nos sentimos orgullos dun evento referente na comunidade”, explicou a tamén alcaldesa de Mondoñedo, que destacou “o atractivo da programación para estes días que teñen a esencia do cabalo, xunto con outros elementos que atraen á localidade a numerosos visitantes”.
Souto agradeceu o recibimento da Deputación e, en especial, de Elena Candia, ao que tempo que resaltou que “colaborar coas San Lucas é apostar pola dinamización cultural, económica e social de Mondoñedo e da provincia”. O presidente fixo unha breve introdución da importancia das Feiras e Festas das San Lucas, que naceron no ano 1156, tras que o Rei Alfonso VII lle “outorgara a Mondoñedo o título de cidade e lle dispensara a graza de poder facer unha feira anual de oito días. E dende aquela a tradición segue pervivindo no século XXI”.
Souto engadiu que “As San Lucas celébranse porque tódolos visitantes e feirantes, que xunto cos mindonienses, seguen sendo fieis ás súas tradicións, e así o transmiten de xeración en xeración. Por iso, o que pretendemos dende a comisión de Feiras e Festas que presido, é que Mondoñedo o 18 de outubro volva a ser a capital que foi no Antigo Reino de Galicia, e queremos que as galegas e galegos se sintan orgullosos de ter unha das feiras mais antigas de Europa, que as desfruten e as sintan súas”.